Este ano fíxose famosa unha foto na que Pep Guardiola, daquela con 15 anos recollepelotas no Camp Nou, abrazábase chorando ao coraxudo Víctor Muñoz despois dunha remontada histórica nas semifinais da Champions ante o Goteborg -con tres goles de Pichi Alonso, na actualidade seleccionador nacional de Catalunya- que lle dera ao equipo dirixido por Terry Venables o pase á final do Sánchez Pizjuán, aquela na que logo se fixo famoso por un día Helmut Duckadam, o gardarredes do Steaua que tres meses despois sufriu unha terrible trombose no seu brazo esquerdo que lle obrigou a deixar o fútbol. Este Duckadam pasou de heroe nacional a empobrecerse devagar na Rumania poscomunista, ata o punto de que tivo que aceptar en 2005 unha suculenta oferta por internet de varios miles de euros para vender as luvas da final. O caso é que as semellanzas entre Guardiola e Víctor son moitas, alén do seu antagonismo como futbolistas e adestradores. Víctor emigrou ao fútbol italiano en 1988 para xogar na Sampdoria de Xénova. Ate aló foi tamén Pep en 2001, inda que sen éxito, sacudido polo escándalo dunha suposta dopaxe da que logo resultou absolto. 23 anos despois Víctor Múñoz está no paro como tantos outros millóns de españois, mentres que Pep intentará un fito histórico no fútbol español, culminar unha temporada histórica co triplete. Veremos se desta volta non se cruza no seu destino un gardarredes na tanda de penaltis. O porteiro do Manchester United, Edwin Van der Sar, non ten nada que ver con Duckadam. A súa é unha das carreiras máis gloriosas do fútbol europeo dos últimos 20 anos. De feito, fai quince, xa acadou o seu primeiro título co Ajax no mesmo estadio no que se xogará a final desta noite: o Olímpico de Roma. Daquela o seu adestrador era Louis Van Gaal, e como compañeiro tiña a Frank Rijkaard, adestrador do Barça da última Copa de Europa e última persoa en proclamarse campión de Europa como xogador e adestrador, mérito que hoxe lle podería arrebatar o propio Guardiola.
Como diciamos a famosa foto de Víctor e Guardiola fíxose despois de que o Barça remontase nas semifinais ante o Goteborg. En Goteborg foi, precisamente, no Ullevi Stadium, onde tres anos antes Sir Alex Ferguson acadou o seu primeiro título europeo, ao impoñerse o seu Aberdeen por 2-1 na Final ao Real Madrid que daquela adestraba Alfredo Di Stefano.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario